Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



lunes, 5 de junio de 2017

Andel de Libros (XLI): A piragua, de Cándido Pazó



Pareceume un ha obra moi interesante a pesar de ser o primeiro libro de teatro que leo en galego, o único inconveniente é que ao non estar acostumado a ler este tipo de libros fíxoseme complicada de entender a historia pero tamén é máis levadeiro debido á facilidade de lectura das súas expresións. 

O máis importante na miña opinión foi cando Guzmán e Rosa veñen de facer a compra debido a que nesa situación dáste conta do acoso que sofre Rosa por parte de Guzmán. 

Tamén me gustou o final porque Delio dálle xustiza a Rosa matando a Guzmán, o cal morre debido a un disparo de pistola asistido por Delio. 

Cambiaría sobre todo a separación das escenas xa que moitas veces non te dás conta de cando están na realidade ou no seu traballo de actores e isto pode confundir aos lectores que coma min non están acostumados ao teatro.


Martín González Castro (4º ESO)

Andel de Libros (XL): Servicio de urxencias, de Suso de Toro



O momento do libro de Suso de Toro que me parece mellor penso que é cando lle traen as empanadas ao hospital, porque Cipriano fíxose pasar por outra persoa para poder enganar aos outros traballadores do hospital, e así non o descubrirían. 

Os personaxes parécenme todos moi bos, pero en especial Chus, polo feito de ser tan valente ao enfrontarse así desa maneira aos seus antigos mozos. Aínda que todos os demais personaxes tamén son moi bos. O único personaxe que non me gustou moito foi o doutor Dapena, pois pasaba todo o día durmindo e non facía outra cousa que mandar o que debían facer. 

O libro en si paréceme unha gran obra, que relata a vida diaría nun hospital. Eu continuaría un pouco máis o libro, para saber que sería dos personaxes e da súa vida. Ademais ao ser nun libro de teatro lese moito máis rápido que os outros libros.

O vocabulario desta obra de teatro paréceme moi fácil de comprender, xa que se entende perfectamente polo contexto e non fai falta o uso de dicionarios para a busqueda de palabras novas. 


Nerea González López (4º ESO)

Andel de Libros (XXXIX): Unha rosa é unha rosa. Suso de Toro


Unha rosa é unha rosa. Suso de Toro. Xerais

Foi un dos primeiros libros de teatro galego que lin, polo que non teño moita lectura neste campo. Aínda que prefiro as novelas, pareceume un libro bastante entretido.

Os personaxes parecéronme bastante normais, xa que eran persoas que facilmente un se pode atopar pola rúa, a diferenza do que adoito ler. O feito de que a vella se metera no corpo da rapaza, pareceume xenial á vez que bastante inesperado.

O momento que máis me gustou e considero máis importante, é cando a vella por fin se vinga. A verdade é que foi unha vinganza bastante xusta, despois do que Adela e Pololo lle fixeran para conseguir a herdanza. Quitando a parte na que envelenou a máis xente da que eu penso que era necesaria, creo que foi unha boa maneira de velos sufrir un anaco.

O meu personaxe favorito, o que considero mellor pola súa actitude e polas súas accións, é a vella. O autor, nesta peza, parece querer reflectir que debemos querer aos nosos familiares, sobre todo aos máis maiores, sen ter interese por herdar. Estou moi de acordo con esta visión, xa que só comezas a valorar a algo ou a alguén cando xa o/a perdiches.

O final sorprendeume, pero tamén me gustou. Polo cal non faría ningún cambio nel. A lingua non me pareceu moi difícil, polo que o libro lese rápido, axudando tamén que é unha obra de teatro, cousa que tamén axuda na lectura. Deberíase facer máis teatro en galego, porque creo que hai moi poucas obras na nosa lingua, algo que me parece mal.

Recoméndollo a calquera persoa á que lle guste ler, xa que creo que é un bo libro. É moi entretido, perfecto para un día de manta e sofá. Sen dúbida, unha moi boa lectura.

Irene Noya González (4º ESO)

O momento máis importante da historia, para min, foi cando matan a Rosa xa que, a partir deste acontecemento desenvólvese toda a historia. O momento que menos me gustou foi cando a Rosa engana a Rosiña para meterse no seu corpo e controlala por momentos. 

O tema gustoume moito xa que é un tipo de comedia orixinal debido a que a pesar de que hai mortes non deixa de ser unha comedia. 

No desenvolvemento cambiaría que transcorrese un pouco máis rápido a historia ao comezo. E respecto ao final, eu creo que é axeitado o que ten debido a que remata a historia dunha forma moi boa pero, creo que eu o cambiaría para que non morrese Colombo e Borja. 

Sobre a lingua non hai ningún problema, é unha linguaxe simple que calquera pode entender. 

Este libro recomendaríallo a todo tipo de persoas xa que creo que o pode entender calquera persoa e que lle pode gustar.

Samuel Deus García (4º ESO)


Para min e dende o meu punto de vista o momento máis importante desta obra foi cando Rosiña, a sobriña máis nova, pon as mans sobre a televisión onde estaba a súa tía e se intercambian o corpo de tal maneira que a tía queda dentro do corpo da súa sobriña para despois vingarse dos outros dous sobriños que ten, xa que a súa tía quería vingarse deles pero a súa sobriña Rosiña non o quería facer. 

Respecto ao tema do libro, pareceume moi interesante, xa que estás intrigado sobre o que vai pasar a continuación, e déixate con esa intriga durante toda a lectura. 

O final que escolleron para esta obra tamén me parece axeitado e tamén me gustou, aínda que eu penso que é bastante fácil escoller e encadrar un final para esta obra. 

A lingua tamén é axeitada e para a miña opinión é moi doada de entender, tal e como está, calquera de nós o podemos ler sen dificultade ningunha.

Adrián Brea Martínez (4º ESO)

A parte do libro que máis me gustou, segundo a miña opinión é a noite de lóstregos na cal matan a vella Rosa, ao comezo pensei que non ían ter o valor de facelo. Este libro espertou en min un interese, xa que representa o que un ser humano está disposto a facer por bens materiais. 

Eu realizaría un só cambio, e sería que a hora de acabar, Rosa queimaran a casa na que viviu a vella, xa que é un recordo permanente dos sucesos terroríficos dentro da casa.

Pero o final aínda así gustoume moito, polo sinxelo que é, aparte de que a lingua que utiliza pareceume sinxela de entender, agás algunhas palabras que se sacaban polo contexto.

Este libro recomendaríallo a xente da miña idade, xa que neste libro poden ver o aspecto máis inédito do ser humano, e que a cobiza pode acabar con toda unha familia que no seu día foron felices, e que teñen que tratar mellor aos seres queridos e amados xa que poden irse en calquera día.

Yago Rey Viqueira (4º ESO)

Andel de Libros (XXXVIII): O heroe, de Manuel Rivas



O momento máis importante da historia é cando Caronte intenta atentar contra o ditador. Para min está é a parte máis emocionante porque é a acción que ten máis loita no desenvolvemento e tamén poñería máis importancia aos homes de negro na historia.

Para min este libro ten poucos personaxes secundarios e tamén o personaxe principal non ten moita importancia nalgunhas escenas da obra. Con todo, ten un personaxe que lle pon potencia á obra e algo de gracia e ese personaxe é Caronte. 

Este libro no desenlace non deixa o final cerrado senón que o deixa bastante aberto. O final paréceme que podía cambiarse para engadir máis acción aos homes negro.

Unha das cousas que máis me gusta da obra son as súas anotacións extensas e completas. Nembargante ten un título que ata ao final non sabes ben a que se refire.   

A lingua é algo difícil de entender na miña opinión porque ten moitos tecnicismos e vulgarismos.

Damián Botana Otero (4º ESO)


Andel de Libros (XXXVII): Venenos, de Xesús Pisón



O momento máis importante do libro para min é cando Adolfo ve que Carlos está mal e en lugar de anoxarse con el por entrar na súa habitación e poñerse a furgar nas súas cousas sen permiso, ve que está deprimido e decídese a axudalo para que se sinta mellor. 

É un libro interesante aínda que tampouco é moi emocionante que se diga xa que non ten nada de acción. Non faría ningún cambio xa que me gustou así como está aínda que cambiaría un pouco a personalidade de Adolfo porque era moi bo e poñeríalle que fose mais duro con Carlos polo que fixo. 

O desenlace cambiaríallo e poñeríalle que ao final gaña o concurso Carlos co relato que escribiu coa axuda de Adolfo e que grazas a gañar o premio ponse moi feliz e faise un escritor moi coñecido e de éxito aínda que Adolfo anóxase con el e non lle volve falar na vida e marcha da casa. 

Ten un vocabulario moi sinxelo e moi fácil de ler. Lese en pouco tempo e recoméndoo xa que pasei un bo anaco léndoo e está moi ben escrito xa que se entende moi ben e mantén un nivel durante todo o libro e non te aburres en ningún momento.

Fernando José Couselo Noya (4º ESO)

Na miña opinión o momento mais importante foi ao principio cando Carlos entra no despacho de Adolfo, dende aí comeza o que acontece nesta historia.

O tema pareceume bastante interesante porque o tema dos escritores descoñézoo totalmente.

A miña escena favorita é cando están os dous nunha discusión. Non faría ningún cambio porque gustoume bastante como está o libro.

De escribir un novo finasl poríalle que Carlos escribía o libro con axuda de Adolfo e gañara o premio do concurso.

O personaxe que máis me gustou foi Carlos porque estaba un pouco louco na miña forma de pensar. Impresionoume que só houbera dous personaxes.

O vocabulario non foi difícil de entender así a lectura foi mais doada de ler e mais rápida tamén axudou que fora teatro porque os diálogos lense máis axiña.

Recomendaríallo ao lector/a que lle guste o teatro porque, na miña opinión, este libro poderíase levar perfectamente a unha representación teatral.

Brais Bouzas Leis (4º ESO)