Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



luns, 27 de marzo de 2017

Andel do Libro (XXXI): Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro



Está claro que é un dos grandes libros da nosa literatura. O autor consegue crear unha atmosfera que se compenetra coa personalidade do mago Merlín.

O meu momento favorito é a cervatiña. Paréceme tan fermosa a maneira que ten Cunqueiro de describir ao pobre animaliño. Tamén me gusta cando Felipe aloumiña a criatura mentres á mira aos ollos.

É verdade que a maneira na que está narrada é un pouco enredante. E tamén cabe dicir que é un galego un tanto diferente ao actual, pero salvo algunhas palabras, creo que se pode entender ben.

Se tivera que elixir un personaxe favorito, seguramente sería Felipe. É admirable o traballo que ten o rapaz coa pouca idade que ten. Admiro que non se queixe polo que teña que facer. Seguro que ese rapaz, se fose na actualidade, estaría queixándose todo do día polo traballo. Tamén me gusta o personaxe de Merlín, pero seguro que me gustaría máis o libro se o narrara el.

Teño que confesar, que a primeira vez que o lin, non me enterei de moito. Logo decateime de que o estaba a ler coma se fose un escrito neste ano. Foi cando o lin por segunda vez, poñendo atención onde antes non o fixera.

A dificultade do libro, quitando o galego de Cunqueiro, é a cantidade de personaxes que aparecen no libro. Hai moitos nomes e é moi doado enredarte con eles, polo que eu ao principio, non me enteraba de quen era quen.

Sorprendeume que o nome do rapaz aparecese máis atrás ca o do resto de personaxes, cando é el quen narra todo. Pilloume nun renuncio Cunqueiro.

En conclusión, o libro é incrible. E por ese motivo penso que sería bo para adultos. Non llo recomendo a ninguén da miña idade, non creo que o entenda e valore. Recoméndollo aos adultos.

Veña, a ler!

Irene Noya González (4º ESO)

Andel do Libro (XXX): Arredor de si, de Ramón Otero Pedrayo


Gustoume este libro, pero penso que sería mellor se tivese máis diálogos e tivese unha narración máis rápida. 

O momento que máis me gustou da historia foi cando Adrián se atopa coa que foi “moza” de seu irmán Xacobe e ela lle di que non lle garda enfado a seu irmán por xogar con ela. 

Tamén me gustou o personaxe de Adrián pois o que lle pasaba el , de non saber moi ben o que facer coa súa vida, pásalle e/ou pódelle pasar a moitas persoas nalgún momento da súa existenca. 

Penso que o libro debería falar máis da vida de Xacobe e do que lle pasou coa filla do estilador das Bouzas, pois na miña opinión tamén é interesante, tanto ou máis que a vida do protagonista. 

O vocabulario desta narración é un pouco máis difícil que a dos outros libros da listaxe de lectura que xa lin, pero non demasiado. 

Recomendaríalle este título á xente á que lle gusten os libros con poucos diálogos e cunha narración lenta, pois é o que ocorre nesta obra.

Olaya Dubra Boquete (4º ESO)

Andel do Libro (XXIX): O capitán lobo negro, de Xesús Manuel Valcárcel



A min as diferentes historias deste libro gustáronme moito porque son temas entretidos e fáciles de entender. O conto que máis me gustou  foi o da ``Vaca Pastora´´ porque é sobre un home que pasa de todo e que o único que lle preocupaba era que a muller dos seus pensamentos terminase por namorarse del, aínda que para iso tivera que esperar moitos anos. 

E o conto que menos me gustou foi ``Valados de Pedra´´ porque o tema a tratar paréceme un pouco aburrido, nesta historia case non hai acción e tamén o protagonista  é un home bo que non se merece pasalo tan mal. Gustaríame que nesta historia ``Valados de Pedra´´ Alex e mais a súa nai non o pasasen tan mal. 

E tamén que algunhas outras historias non acabasen tan mal. 

Opino que ten un vocabulario bastante fácil de entender e case todo se entende perfectamente. 

Penso que é un libro bastante bo para os rapaces e rapazas da miña idade.    

David Boo Noya (4º ESO)