Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



miércoles, 13 de julio de 2016

Adeus a Agustín Fernández Paz, mestre e contador de historias

A comunidade lectora despide hoxe ao mestre e contador de historias Agustín Fernández Paz, tan lido polo alumnado do CPI Viaño Pequeno, que finou onte, día 12 de xullo.

Cartas de inverno e As flores radioactivas son os seus títulos máis escollidos polo alumnado, mais tamén títulos como Rapazas, Trece anos de Branca, Amor dos quince anos, Marilyn, Aire negro, O centro do labirinto, Noite de voraces sombras, Tres pasos polo misterio, A neve interminable e algún máis, porque as persoas que len un dos seus libros adoitan procurar outros da súa autoría.

E no curso 2011/2012 quixemos que estivese connosco no CPI Viaño Pequeno de Trazo, naquela altura xa estaba ferido pola doenza que o levou mais sempre amosou toda a súa vontade e como non podía deslocarse até o noso centro combinamos para lle facer unha entrevista vía Skype, pois o alumnado que daquela cursaba 1º da ESO (a maioría xa no bacharelato) viña de ler o seu libro Lúa do Senegal.

Foi unha experiencia magnífica e o alumnado quedou fascinado coa súa palabra. A calidade de son non é boa, mais é perfectamente intelixible, e na páxina do proxecto interdisciplinar «A feira das Nacións», o alumnado elaborou a entrada que presentaba este video, fermoso documento do seu agarimo e da súa sempre amena e instrutiva conversa. Adeus, mestre!

VIDEOCONFERENCIA CON AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

No Club de lectura limos un libro titulado Lúa do Senegal, que trataba dunha nena senegalesa que vén de Senegal para vivir a Vigo.
Despois, na clase de galego, dixéronnos que íamos falar co autor do libro e elaboramos unhas preguntas para lle facer.
O día de 10 de Marzo tivemos unha videoconferencia con Águstín Fernandez Paz mediante o programa Skype. Tivemos algunhas complicacións técnicas, pero ao final todo saíu ben.
Durante a conversa Agustín contounos que o seu libro iase chamar Cartas do Senegal.
Aprendemos moito escoitándoo.
Púxolle unha pipa de fumar á avoa Feriane porque lle quedaba ben.
Tivo que utilizar o Google Earth para coñecer máis do país e a súa xeografía.
Non sabe Wólof pero si escoitou persoas que o cantaban e o falaban.
Quería situar a historia en Vigo porque na cidade hai moitos senegaleses e el ten moita documentación sobre eles e sobre a cidade.
Púxolle Khoedi á nena porque en senegalés significa lúa.
Este libro traduciuse ao castelán e ao catalán.
Os contos que hai polo medio da historia algúns pertencen a Senegal, e outros inventounos.
E durante a entrevista recomendounos unha película chamada "Moolaade".
Tamén nos recomendou outra película que xa viramos: "Binta e a gran idea".
Contounos moitas máis cousas, que xa escoitaredes no video.
Foi unha actividade moi interesante e gustounos moito.

¡¡ATENCIÓN!!: UTILIZADE AURICULARES PARA ESCOITAR O VIDEO POIS O SON NON É DE BOA CALIDADE