Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



viernes, 11 de marzo de 2016

Visibilizando éxitos das mulleres (II)

Tan só hai uns días a atleta galega Ana Peleteiro cunha marca de 13,80 metros en Triple Salto pasou a ser Campiona de España. Uns días máis tarde, foi convocada para participar no  Campionato do Mundo de Atletismo de pista cuberta a celebrar en Portland ( Estados Unidos) o vindeiro 19 de Marzo.

* Cantos e cantas de vós tiñades este dato?

* Vistes algo nas noticias, en redes sociais...? 

* Pensades que se en vez dunha chica se tratase dun chico, a noticia tería sido máis relevante nos telexornais?

Para que vexades...e saquedes conclusións... Non demos conseguido o vídeo deste salto que a acredita como Campiona de España. 

Podemos vela e escoitala neste vídeo, do mes de Decembro:





Aquí podedes curiosear polo seu Facebook

Artur Trillo, actor de Talía teatro que vive en Trazo: «O teatro é máis intenso, a relación directa co espectador é impagable»


Foto: Rubén Prieto

O xornalista Santi G. Rial publica na edición comarcal de La Voz de Galicia - Carballo unha interesante entrevista con Artur Trillo, actor da compañía Talía teatro que vive en Chaiáns - Trazo desde hai uns anos. Velaquí a entrevista ao completo.

«O teatro é máis intenso, a relación directa co espectador é impagable»

Na tele dá vida a «Vitu» en «Urxencia Cero», e no teatro, a «Foucellas»
S. G.Rial Carballo / La Voz, 11 de marzo de 2016. Actualizado ás 05:00 h.


Ás veces, a Artur pregúntanlle de onde é e a resposta non é fácil. Ser, é de Miñóns, en Buxantes (Dumbría), onde naceu e viviu ata os 9 anos. Despois foise para Cee e alí estivo ata os 18. Alí, xa desde o colexio e o instituto, foi xerminando a súa vocación de actor. E alí naceu Talía. Aos 18 marchouse a estudar a Santiago, e desde hai un tempo reside en Trazo, á beira do Tambre, coa súa muller e as súas dúas fillas. Así que as súas coordenadas, como as de tanta xente que xa non é exactamente nova, van cambiando.

O que se mantén é a súa profesión, tanto a interpretativa (a que máis) como a de dirixir ou producir. Desde que no 88 comezou coa súa compañía, ese é o seu mundo. Por sorte, non para. «Está ben, hai moito traballo. Teño tamén un pequeno papel en Sicixia, xa participei na rodaxe e volverei en Semana Santa. E outras intervencións en cine, como a de Lobos sucios, que se estreará o 1 de abril. A nivel de teatro tamén hai moito traballo», resume.

O mellor é que os últimos anos, os da crise (as artes escénicas non se libraron dela, máis ben ao contrario) lograron superalos, saír indemnes. «Baixou algo, pero grazas á nosa maneira de funcionar, os cursos que damos nos concellos, permitiunos que a compañía non se resentise. Parece que a situación, así, non foi tan dura», sinala.

A arte é importante, pero os números non son un tema menor. Sobre todo para quen, como é o seu caso, é o dono do 100 % da empresa. Os demais actores son contratados. «Os números non se parecen en nada aos de hai 15 anos. Agora todo é máis monstruoso, para ben e para mal. Todas as decisións van sobre ti. O sono, a quen se lle quita é a min». Pero os recursos artísticos son os que el decide, o mesmo que o camiño a seguir. E os proxectos non faltan. Aqueles inicios de compañía afeccionada do 88 quedan xa moi lonxe.

A actualidade pasa pola tele e polos escenarios. No primeiro caso, co papel e Vitu, o celador de Urxencia Cero. Foi gravada a finais do pasado verán, e é agora cando se pode seguir semanalmente na TVG. «Unha serie ben feita. A factura da casa é moi boa, e o equipo de traballo, tamén, un luxo», indica.

No teatro, dá vida a Foucellas , como se coñecía, a mediados do século pasado, ao mítico maquis Benigno Andrade. Con texto e dirección de Cándido Pazó, na obra está acompañado de Toño Casais, Dani Trillo ou María Ordóñez. Ademais de actor, é o produtor. O traballo poderase ver este sábado en Noia; o domingo, en Cee; o venres da próxima semana, en Carballo, e o sábado, en Narón. A Vimianzo arribará o 9 de abril.

Foucellas sae adiante ao fin, aínda que a idea era levalo a escena xa no 2000 ou 2001. Por diversas circunstancias, non foi adiante. Ten tinguiduras biográficos, pero vai máis aló. «Fala de Foucellas, pero tamén dos foucellas, do que pode ser e do que pode non ser. Levaba a culpa de todo, do que pasaba onde estaba e a cen quilómetros». Dos resistentes, en xeral, pero ao redor da vida do antifranquista.

Series, cine, televisión (foi moi popular a súa aparición semanal en Luar ), cursos de interpretación, por suposto teatro... ¿Algunha preferencia? «Prefiro o teatro, pero son cousas distintas, comparado coa tele ou o cine. A miña actividade na televisión ou no cine véxoa como algo extra, ocasional. Son dúas maneiras de enfocar a profesión. ¡Non me dá tempo a aburrirme! O teatro é máis intenso, a relación directa co espectador é impagable. Iso non cho dá o resto, aínda que é evidente que o recoñecemento ás veces si se ve máis nos outros ámbitos. Pero o teatro ten ese punto de calor que non atopas nos demais». Pero todo se acepta de bo grado: «Ou mellor é poder compaxinar».

Artur Trillo Sendón. Ten 47 anos. É de Buxantes, residiu en Cee, vive en Trazo.

Obras. A súa traxectoria teatral é longa e intensa. A obra que máis veces representou, ao redor de 350, é Bicos con lingua. Pelos na lingua anda polas 130. Demolición, de hai dous anos, está xa preto das 50. E Menos lobos, infantil, supera o centenar.

O novo texto é de Pazó. Chega aos 15 anos de intentalo por primeira vez.